A Maker Faire Galicia arranca cunha xornada dedicada ao emprendemento e á innovación social
Este sábado 14 de xuño, Área Central converterase nun punto de encontro para todas aquelas persoas que desexan transformar o mundo dende o local. A XI edición da Maker Faire Galicia dá comezo cunha xornada aberta ao público e totalmente gratuíta, que combina tecnoloxía, creatividade, compromiso social e aprendizaxe compartida. Un día cheo de charlas inspiradoras, obradoiros participativos e proxectos sorprendentes para todos os públicos.
Un espazo para reflexionar: as charlas
Desde as 10:00 da mañá ata a última hora da tarde, o escenario principal acollerá un programa de charlas que convida á reflexión sobre o mundo que habitamos e como o queremos transformar:
- Down Experience by Amasarte, con Berta Lema (Down Coruña), abordará a inclusión laboral das persoas con discapacidade a través da arte e o acompañamento emocional.
- Mounia Rachdi, investigadora da UManresa, falará de maternidades migrantes e aprendizaxes compartidas no Espazo Nana. Que sucede cando as nais migrantes atopan espazos onde sentirse escoitadas e recoñecidas?
- A aplicación práctica da IA na educación será o tema de Fina Paulos Lareo e Óscar Rey, que compartirán como están levando a intelixencia artificial ás aulas e á sociedade. Fina é unha das mellores docentes do noso país, finalista nos premios Educa Abanca.
- A psicóloga Mónica Caínzos invítanos a reflexionar sobre a intelixencia emocional, o apego e a creatividade como motores do mundo maker.
- As estudantes Alicia, Noa e Antía, de Vermislab, porán en valor ás mulleres na ciencia.
- Pola tarde, entramos no mundo do videoxogo con Pablo Monroy (Videoxogo.gal), que analizará os seus claroscuros.
- Neonoo achegará ferramentas phygital para a inclusión de nenas e nenos neurodiverxentes no xogo.
- Julia Leirado, do Fab Lab Barcelona, falará do seu ecosistema de aprendizaxes para futuros máis abertos.
- Luis Vaamonde, inventor e asesor en I+D+i, compartirá claves para blindar as nosas ideas e coñecementos nunha charla sobre modelo open source.
Todas as charlas contarán con intérprete de lingua de signos e espazo accesible. Ademais, os carteis dos proxectos estarán adaptados en braille, nun firme compromiso da Maker Faire Galicia coa inclusión.
Obradoiros para aprender facendo
Cinco zonas diferenciadas ofrecerán obradoiros durante todo o día para experimentar, crear e aprender:
- Zona 1: Cianotipia con Vermislab, maxia con Kenneth Illusionist e actividades con Mundobichos.
- Zona 2: Peonzas de papel, robótica con LEGO (Arkitas), creación de mandos adaptados (Talentos Inclusivos), Microbit e Sew:bit.
- Zona 3: Stencil e tatoo con Vella Escola.
- Zona 4: Escola de Xadrez Compostela e espectáculo de Maker Maxia.
- Zona 5: Drone Soccer, onde pilotarás drons dentro dunha xaula de xogo, e EVOA VR, unha competición de VRacing. Tamén atoparás o obradoiro do xogo de mesa “Comprende, Aprende, Emprende” creado por Buscalume co apoio da Xunta e a Rede de Polos de Emprendemento.
A zona de Ludoteca estará activa durante toda a xornada para a cativada, con xogos de Chafarís, Brazolinda e Crecer Creando.
🚀 Un escaparate de proxectos transformadores
Máis de 45 proxectos daranse a coñecer ao longo do día. Entre eles, os 16 proxectos do alumnado de Vermislab que destacan pola súa creatividade e variedade: desde robots sanitarios ata cidades intelixentes, xogos educativos ou propostas de concienciación ambiental.
Tamén estarán presentes propostas de XuvenCiencia, Napalmadaman, IES Sánchez Cantón, IES Maximino Romero, Arkitas, LMT, Luxsit, Makergal3D ou Resib Labs, entre moitos outros.
Peche máxico
A xornada rematará cun espectáculo de maxia con Kenneth Illusionist, recoñecido a nivel internacional, cunha posta en escena visual e participativa que mestura ilusionismo e narración.
Un ano máis, a Maker Faire Galicia aposta por democratizar o coñecemento e achegar a innovación a todos os públicos. A pregunta que nos guía é clara: como podemos construír xuntos un futuro máis xusto, creativo e accesible?
A Maker Faire Galicia conta co apoio do Concello de Santiago, Xunta de Galicia e Deputación da Coruña, e organízase e opera de forma independente baixo a licenza de Make Community LLC, mantendo o seu compromiso de fomentar a creatividade, a innovación e o talento na comunidade maker