Como pode a voz converterse nunha ferramenta para detectar enfermidades neurodexenerativas? Esa é a pregunta que guía a traxectoria de Carmen García Mateo, catedrática de Teoría da Sinal e Comunicacións da Universidade de Vigo e directora do Grupo de Tecnoloxías Multimedia (GTM) en AtlantTIC.
Pioneira no ámbito da enxeñaría de telecomunicación en España e recoñecida coa Medalla María Wonenburger pola súa traxectoria científica, Carmen lidera un equipo de investigación centrado en tecnoloxías da fala, procesado de sinal e intelixencia artificial aplicadas ao diagnóstico temperán de enfermidades como o Alzheimer ou o Parkinson.
Na súa intervención na Xornada de Industria da Maker Faire Galicia, o 31 de outubro na Casa das Máquinas de Galeras (Santiago de Compostela), compartirá os avances máis recentes neste campo e reflexionará sobre como a combinación de ciencia, tecnoloxía e sensibilidade humana pode abrir novas vías na medicina e na atención ás persoas.
Carmen García Mateo – Universidade de Vigo / AtlantTIC
Enxeñeira e investigadora galega pioneira, conta cunha ampla traxectoria internacional no estudo da fala e a comunicación humana. Desde o seu grupo GTM, impulsa proxectos que conectan a intelixencia artificial coa saúde, o son e a linguaxe, demostrando o poder da tecnoloxía cando se pon ao servizo das persoas.