Como pode o deseño transformar a maneira en que imaxinamos e empregamos os materiais? Esa é a pregunta que guía o traballo de Noemí Cortizas, directora creativa, enxeñeira e deseñadora industrial que reparte o seu tempo entre Galicia e París, desenvolvendo proxectos para marcas internacionais dos sectores do luxo, a automoción e o packaging cosmético.

Especialista en eco-deseño, Noemí investiga como elevar o valor estético dos materiais reciclados, integrando creatividade, circularidade e sustentabilidade en procesos industriais cada vez máis conscientes. A súa práctica combina visión estratéxica, innovación aplicada e unha sensibilidade especial para a materia e a súa segunda vida.

Forma parte da xunta directiva da DAG (Asociación Galega de Deseño) e da APCI (Association pour la Promotion de la Création Industrielle), e compaxina o seu traballo profesional coa docencia en escolas de deseño de París.

Na súa participación no faladoiro “Biomateriais en diálogo”, xunto con Julia Steketee, Paula Camiña e Kiko Saavedra, compartirá como os novos materiais, a experimentación e o pensamento circular están a redefinir a creación contemporánea e a abrir camiños para un futuro máis sostible.