Na era da innovación constante, decidir entre compartir libremente ou protexer o coñecemento é unha cuestión estratéxica. A charla abordará os fundamentos do modelo open source e como este convive con outras fórmulas de protección como o segredo profesional, o know-how ou o rexistro de patentes.

Na súa intervención na Xornada de Emprendemento e Innovación Social da Maker Faire Galicia, o 14 de xuño en Área Central (Santiago de Compostela), Luis Vaamonde ofrecerá unha reflexión baseada na súa propia traxectoria como inventor de produtos recoñecidos como o Micaton ou o Magnet-Driver. A partir da súa experiencia en diferentes rexistros e sectores, analizará as vantaxes e retos de abrir ou blindar a innovación, e como tomar decisións estratéxicas que aseguren a sustentabilidade dos proxectos.

Luis Vaamonde CotonInventor e asesor en innovación
Inventor con ampla experiencia en sectores como a ferramenta ou a biomasa, conta con múltiples rexistros de patentes e unha sólida traxectoria na dirección de proxectos de I+D+I. Asesora a empresas e emprendedores para transformar ideas en innovación viable, combinando coñecemento técnico e visión estratéxica.