O próximo 9 de outubro, de 10 a 16 horas, celebrarase unha nova edición da Xornada da Industria da Maker Faire Galicia na Casa das Máquinas de Santiago de Compostela. Nesta ocasión a xornada xirará arredor de catro tecnoloxías estratéxicas, non só para Galicia senón para a toda a humanidade, como son a Neurotecnoloxía, a Biotecnoloxía, a Intelixencia Artificial e a Computación Cuántica.
Como pasou na edición do ano pasado, a organización aposta por un cartel 100% galego, composto tanto por relatores e proxectos galegos que realizan a súa actividade en Galicia e diferentes puntos de España, como por outros que se atopan espallados polo mundo, conectando así o ecosistema innovador galego a nivel global.
No cartel deste ano, destacan nomes tanto no ámbito da investigación coma do emprendemento como Elena Martínez, Beatriz Pelaz, Eva Somolinos, Daniel Seijo ou Gonzalo Blázquez entre outros.
Elena Martínez é Doutora en Biotecnoloxía, residente na República Dominicana, cofundadora do Grupo BlueGea e recoñecida recentemente por Forbes como unhas das 30 persoas menores de 30 anos máis influíntes en España e en Europa. A pesar da súa xuventude, Elena leva anos traballando en xerar valor a partir do sargazo, unha alga invasora que destrúe os ecosistemas mariños en máis de 45 países.
Beatriz Pelaz, Premio Nacional de Investigación para Mozos, que despois de estar en diferentes países desenvolvendo as súas investigacións, actualmente é investigadora Oportunius e líder do grupo BioNano Tools no CIQUS, en Santiago de Compostela. Beatriz compartirá coa comunidade Maker como se poden construír máquinas nanométricas que sexan capaces de traballar dentro das células, respondendo a estímulos externos.
Eva Somolinos é vicepresidenta da Fundación Proxecto AcercArte, directora executiva de Synestec e ten unha característa que comparte co menos do 5% da poboación mundial, ten sinestesia cromática, polo que o seu cerebro relaciona automaticamente cada cor cunha nota musical. Grazas a esta característica e á súa infinita curiosidade , desenvolveu unha terapia para ralentizar as enfermidades neurodexenerativas e no 2024 foi aceptada polo Marcus Institute for Aging Research da Universidade de Harvard.
Daniel Seijo é un recoñecido emprendedor e inversor Santiagués. No seu día cofundou Diariomotor, dirixiu Menéame e creou o fondo Civeta Investment para investir en Startups. Recentemente cofundou Hawkings Education, onde aplica a Intelixencia Artificial para a xeración de contidos e ferramentas educativas.
Gonzalo Bláquez, AI e Quantum Manager no ITG, achegaranos dun xeito sinxelo e realista o punto no que se atopa a Tecnoloxía Cuántica a nivel global e o que está por vir.
Ademais disto, a xornada contará cunha selección dos mellores proxectos de todos os presentados ó call for makers, os cales compartirán coñecemento con todos os asistentes e participarán no xa tradicional pitch de proxectos, a partir do cal un xurado profesional elexirá os máis destacados.
Tras o pitch de proxectos, celebrarase un xantar networking e na sesión de tarde, de 15 a 16h., será a quenda do talento emerxente, composto por investigadores e emprendedores que destacan por ir á vangarda no seu sector. María de la Fuente de Diversa, Guillermo Díaz do CESGA, Iria Ollero de Inmersiva e Pablo Cabanelas de Neutron Insights serán os protagonistas.
A asistencia ao evento é de balde ata completar aforo, pero require inscrición previa. Inscricións dispoñibles en: www.makerfairegalicia.es
A Maker Faire Galicia conta co apoio do Concello de Santiago, a Xunta de Galicia, a través do IGAPE, o Clúster TIC Galicia e Servicio Móvil e organízase e opera de forma independente baixo a licenza de Make Community LLC, mantendo o seu compromiso de fomentar a creatividade, a innovación e o talento na comunidade maker. #Faise en Santiago