A charla será impartida por Fernando Suárez, representante do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia, quen abordará a influencia da tecnoloxía nas novas xeracións desde unha perspectiva profesional, educativa e social.
A tecnoloxía transformou a nosa forma de traballar, aprender e relacionarnos. Porén, quizais nunca tivera un impacto tan profundo como o que está a ter sobre as novas xeracións, un tema sobre o que versa esta intervención.
Cando falamos de infancia e adolescencia, non falamos simplemente de usuarios de tecnoloxía, senón dunha xeración que está a medrar nun entorno dixital. Comprender ese entorno converteuse nun dos grandes retos do noso tempo.
Durante anos, a atención centrouse no tempo de exposición ás pantallas. Hoxe, a reflexión é máis complexa e relevante: que fan as persoas menores coa tecnoloxía, como interactúan con ela e que impacto ten no seu benestar.
A tecnoloxía ofrece oportunidades extraordinarias para aprender, crear e conectar, pero tamén formula desafíos que deben abordarse desde o coñecemento, a educación e a responsabilidade compartida.
Non se trata dun debate entre tecnoloxía si ou tecnoloxía non, senón do desafío de lograr que a tecnoloxía estea realmente ao servizo das persoas, especialmente daquelas que máis protección necesitan.