O proxecto foi levado a cabo por un equipo de investigación do departamento de Construcións e Estruturas A.C.A. da UDC, formado polos investigadores Juan Pérez-Valcárcel, Manuel Muñoz Vidal, Manuel Freire-Tellado, Isaac López César, Santiago Muñiz, Féliz Suárez Riestra, Jorge Aragón Fitera e Emilio Mosquera Rey.
O obxectivo desta investigación é o desenvolvemento de edificacións que poidan estar dispoñibles para unha situación de emerxencia e ser implementadas dunha forma rápida e eficaz na zona afectada. A metodoloxía adoptada consiste no desenvolvemento dun sistema de módulos e estruturas despregables de barras que poidan almacenarse ocupando o mínimo espazo posible, poidan ser utilizadas de forma inmediata nunha emerxencia e, cando deixen de ser necesarias, poidan ser reparadas, almacenadas e reutilizadas noutras situacións que así o precisen.
Ao producirse a emerxencia, transpórtanse e instálase onde sexan necesarias, cunha mínima preparación do terreo e utilizando medios auxiliares reducidos.
Varios módulos foron construídos na ETS de Arquitectura da Coruña, o que permitiu analizar a súa viabilidade na práctica e detectar os puntos de mellora para sucesivas investigacións neste campo. No caso das estruturas despregables, construíronse modelos a escala que foron ensaiados no laboratorio de Estruturas da E.T.S. de Arquitectura da Coruña.
O propósito deste proxecto é proporcionar sistemas viables de aloxamento e servizos ás poboacións desprazadas en casos de emerxencia ou situacións de catástrofe. A proposta define que as construcións modulares destinaríanse a aloxamento, mentres que as estruturas despregables utilizaríanse para os recintos comunitarios, como comedores, escolas, locais de reunión, etc.
Calquera investigación arquitectónica debe ter como obxecto último a construción de modelos ou edificios concretos que permitan achegar solucións á función principal, que é habitar. Neste sentido, no proxecto desenvolvido deseñáronse tres tipos de módulos de vivenda explorando distintas tecnoloxías. Ademais, deseñáronse diversas estruturas despregables que se desenvolveron a nivel de modelos. Neste caso realizáronse diferentes maquetas de metacrilato para asegurar as condicións cinemáticas de despregue, que son moi complexas, e posteriormente construíronse modelos de barras de aluminio que foron ensaiados no noso laboratorio. Os resultados publicáronse en varias revistas internacionais con alto índice de impacto.
Achega á comunidade Maker o deseño de solucións habitacionais para situacións de emerxencia. No momento actual este tipo de situacións incrementáronse de forma notable e os modelos propostos poden ser unha boa forma de resposta.
A súa principal vantaxe é que poden estar construídos previamente e almacenados de forma compacta para poder ser utilizados con gran rapidez no momento en que se produza a emerxencia. Unha vez rematada esta situación, estes módulos poden volver pregarse e ser reutilizados para emerxencias futuras.
Durante a xornada, disporán de maquetas coas que os visitantes interesados poderán interactuar comprobando as formas de despregue e pregado das mesmas. Ademais, proxectarán vídeos de varias das solucións do proxecto.