Gonzalo Blázquez Gil traballa en estratexia e produto no ITG Centro Tecnolóxico, onde impulsa a transferencia de tecnoloxías avanzadas á industria.
Especialista en intelixencia artificial, participa en proxectos de I+D+i nacionais e europeos. Ademais, xestiona o equipo de Tecnoloxías Cuánticas, con especial atención á criptografía cuántica e poscuántica aplicada a infraestruturas críticas como portos, redes enerxéticas e defensa.
Tamén é docente e director de traballos de fin de grao na Universidade Europea de Madrid.
Ordenadores cuánticos, comunicacións imposibles de espiar, criptografía capaz de resistir ordenadores que aínda non existen… Canto hai de realidade e canto de promesa?
Revisaremos en que punto se atopan realmente as tecnoloxías cuánticas: que se utiliza xa hoxe, que chegará nos próximos anos e que segue sendo obxecto de investigación.
Ademais, contarei que estamos a facer no ITG Centro Tecnolóxico e, en especial, no proxecto ARQADE: «Alianza de centros tecnolóxicos para a computación cuántica accesible e dual en defensa e sectores estratéxicos».
Veremos por que a chegada do ordenador cuántico obriga a protexer desde xa infraestruturas críticas como os portos ou as redes enerxéticas, e como se combinan a distribución cuántica de chaves e a criptografía poscuántica para conseguilo.