Graduada e Máster en Enxeñaría Biomédica, Iria é responsable da área de innovación en Insati Innovation. Investigadora principal en ensaios clínicos sobre realidade virtual e saúde, participa en proxectos como InmeRsiVa. Ademais, realiza divulgación científica e titoriza proxectos de ciencia de adolescentes. A súa traxectoria académica foi recoñecida con premios á excelencia e, dende nova, participou en proxectos de investigación nos que recibiu varios recoñecementos.
E se unha partida de dez minutos puidese dicirnos algo sobre como evoluciona a nosa cognición? Esa pregunta foi o punto de partida de InmeRsiVa.
Vimos de Insati, unha empresa de base tecnolóxica que desenvolve solucións no ámbito One Health. Comezamos cunha intuición: a realidade virtual podía servir para estimular a cognición e, ademais, para observala. InmeRsiVa reúne varias experiencias de realidade virtual.
Cada partida xera datos. Con eles definimos biomarcadores e comparámolos coa evolución cognitiva real das persoas participantes.
O proxecto estase validando con seis estudos: catro en España e dous en Singapur. Os resultados preliminares apuntan a unha mellora cognitiva e a unha moi boa aceptación por parte das persoas usuarias.
Contarémosvos como comezamos, que aprendemos e que vén agora: dos comezos é de onde máis se aprende.