O Cestín do Furón é un espazo creativo dedicado á artesanía e aos oficios tradicionais, onde as fibras vexetais son o punto de partida para aprender, experimentar e crear en común. Impulsado por Sara Turnes Fernández e Efrén Fernández Miniño, o proxecto reúne artesáns, persoas curiosas e comunidades educativas en torno á cestería, recuperando saberes ancestrais e dándolles unha nova vida no presente.
No seu espazo creativo, O Cestín do Furón organiza obradoiros e experiencias participativas nas que calquera persoa pode pasar de espectadora a creadora. Trabállase con técnicas tradicionais de cestería e materiais naturais, como o vimbio e a lámina de madeira, combinándoos coa experimentación e coa creación de pezas e estruturas de diferentes escalas. O proxecto tamén colabora con artesáns doutros oficios, converténdose nun punto de encontro para compartir coñecementos, descubrir técnicas e explorar novas posibilidades creativas.
Unha das súas propostas máis especiais é a achega da cestería tradicional aos colexios. Alí, nenas e nenos participan en obradoiros nos que constrúen grandes estruturas colectivas con fibras vexetais, aprendendo mentres crean. Durante o proceso, integranse contidos de áreas como as matemáticas —medidas, proporcións e formas xeométricas—, fomentando ao mesmo tempo a cooperación, a creatividade, a resolución de problemas e a conexión coa natureza.
O Cestín do Furón aposta por unha aprendizaxe práctica, sostible e conectada co patrimonio cultural. Demostra que os saberes tradicionais seguen vivos e teñen moito que achegar ao presente e ao futuro, e que a innovación tamén pode nacer do coñecemento dos materiais, do traballo coas mans e da creación colectiva.
No evento, as persoas visitantes poderán achegarse ao stand para coñecer de primeira man o proxecto, conversar co equipo e descubrir pezas artesanais, mostras de fibras vexetais e fotografías das estruturas e obradoiros realizados en diferentes espazos, especialmente no ámbito educativo. Será unha oportunidade para coñecer as técnicas, resolver dúbidas, intercambiar ideas e achegarse á artesanía como unha forma viva de aprender, crear e relacionarse coa contorna.