O proxecto Sentinel foi desenvolvido polo equipo “Tres Días de Gracia”, finalista do HPE CDS Tech Challenge 2025/2026, un reto tecnolóxico organizado por Hewlett Packard Enterprise.
Sentinel é un xemelgo dixital dun servizo de emerxencias: unha réplica virtual e en tempo real dunha frota de ambulancias que circula por mapas reais. O sistema simula e coordena todo o ciclo dunha emerxencia: a cidadanía reporta unha emerxencia desde o móbil (voz + xeolocalización); unha IA analiza a situación, propón que ambulancia enviar e explica por que; as rutas calcúlanse en estradas reais con axuste por tráfico, atascos e clima; e cada vehículo envía telemetría continua (posición, estado mecánico, constantes vitais do paciente e condicións ambientais).
O proxecto está optimizado para funcionar completo nun PC de gama media, sen renunciar a ningunha funcionalidade. Nun contexto de prezos de hardware cada vez máis altos, isto permite que centros educativos, concellos e makers poidan probalo e aprender con el sen investir en equipos caros.
A experiencia de usuario está pensada para cada perfil: o/a operador/a ve un mapa en vivo con ambulancias, hospitais e emerxencias, recibe propostas da IA con explicacións (factores clave, confianza, urxencia) e decide; pódese falar en linguaxe natural (“móstrame as ambulancias con pouca batería”) e o mapa fíltrase ao momento; a cidadanía reporta desde o móbil e ve como se activa a resposta; o persoal condutor recibe misión e ruta paso a paso; e ao final da quenda, a IA xera un informe con indicadores e recomendacións. Esta dispoñible en galego, castelán e inglés.
Sentinel achega á Comunidade Maker un exemplo completo de integración de IoT, mapas abertos, mensaxería en tempo real e IA con ferramentas 100% de código aberto. Demostra que a IA pode ser explicable e estar ao servizo das persoas: propón, xustifica e deixa a última palabra ao humano. Inspira a aplicar tecnoloxía a problemas sociais de impacto directo (atención sanitaria, resiliencia urbana) e achega ideas reutilizables: telemetría de vehículos, comunicacións redundantes, cálculo de rutas con OSRM e despregue con Docker.
Os/as visitantes poderán interactuar con Sentinel de varias formas: escaneando un QR para abrir a app cidadá no seu móbil e reportar unha emerxencia (voz ou texto), vendo en tempo real como aparece no mapa e como a IA asigna unha ambulancia; facendo de operadores/as do centro de coordinación, aprobando ou rexeitando propostas da IA e asignando unidades manualmente, entre outros escenarios.