O proxecto foi realizado polo Grupo XuvenCiencia, un colectivo de docentes do Campus de Lugo da USC, en colaboración coa empresa Xuvenlab S.L. Desde o ano 2013, este grupo desenvolve un ambicioso proxecto de divulgación científica centrado en tres eixos principais: o Campus de Verán XuvenCiencia dirixido a adolescentes, xornadas formativas para profesorado de ensino medio e un programa que leva a práctica investigadora ás aulas a través de kits de experimentación. A finalidade principal deste proxecto é achegar a Ciencia e a Tecnoloxía á sociedade e fomentar as vocacións científicas no alumnado preuniversitario. A través destes kits, os visitantes teñen a oportunidade de manipular materiais e realizar pequenos experimentos, vivindo unha experiencia activa e participativa. O proxecto integra a filosofía Maker no desenvolvemento de ferramentas didácticas como o fotómetro Fotometrix, o kit AquaLab ou o visor de fluorescencia do kit de xenética DNAMeat, ofrecendo así unha valiosa achega á Comunidade Maker e promovendo unha aprendizaxe práctica e colaborativa nas aulas.